EL AUTOMÓVIL Y SU ENTORNO, LA SEGURIDAD A TRAVÉS DE LA HISTORIA

O automóbil actual é o froito dun continuo desenvolvemento dos medios de locomoción ao longo de dous séculos. Nunca se buscaron as orixes da súa técnica tan atrás na historia, pero realmente as súas raíces están nas dilixencias tiradas por cabalos, cando se empezaron a tratar os problemas de suspensión, de rodas, de dirección e de freado das carruaxes.

Neste libro faise, por primeira vez, un estudo detallado e sistemático da evolución de cada funcionalidade do conxunto vehículo-estrada e a súa contorna, a través da historia e desde un punto de vista de enxeñería. Aos conceptos xa familiares de seguridade activa e seguridade pasiva, o autor engade dous conceptos adicionais que axudan a entender os problemas do automóbil nos seus primeiros tempos: a seguridade disuasiva, representada pola lei inglesa da bandeira vermella, para advertir á contorna do perigo que se achegaba; e a seguridade estrutural, cuxas graves deficiencias causaron moitos accidentes na carreira París-Madrid de 1903. Entón os coches xa montaban motores potentes, pero sen prever o par torsor de tracción nas rodas de radios, a insuficiente rixidez do chasis e os escasos freos na transmisión ou nas rodas traseiras. O desenvolvemento do automóbil non se estaba facendo de forma homoxénea en todos os seus sistemas.

Como fito importante na seguridade estúdanse os coches carrozados en fábrica, en especial as carrocerías autoportantes dos anos 30.

Nos anos 60 pensábase que a tecnoloxía estaba madura e que os accidentes se debían a descoidos do condutor, pero a aparición en escena de Ralph Nader co seu libro Inseguros a calquera velocidade sería o detonante dunha entón inimaxinable revolución técnica e normativa, á que debemos o vehículo seguro e de baixas emisións de hoxe en día.